A Oficina de Dereitos Sociais configúrase como un espazo de atención, coidado e activación e defensa de dereitos, dirixido a persoas en situación ou risco de exclusión social na Coruña e a súa comarca, onde a necesidade social está determinada por unha elevada taxa de pobreza severa, exclusión, precariedade laboral e dificultade no acceso a dereitos básicos, con especial impacto en colectivos vulnerables como mulleres, persoas migrantes, mozos/as e persoas maiores en situación de soidade.
As actuacións da ODS parten dunha concepción integral da inclusión social, que vai máis alá da cobertura de necesidades materiais para incidir no acceso efectivo aos dereitos fundamentais, a autonomía persoal e a participación social.
A intervención articúlase desde unha perspectiva feminista, interseccional, ecosocial e comunitaria, co obxectivo de garantir a autonomía persoal, o empoderamento colectivo e a plena participación social das persoas en situación de vulnerabilidade.
Dacordo coa carteira de Prestacións de Inclusión Básica recollida no Decreto 61/2016, a Oficina de Dereitos Sociais (ODS) desenvolve un programa integral e personalizado de inclusión, orientado a responder de maneira efectiva ás múltiples dimensións da exclusión social.
Así, a actuación estrutúrase en base ao conxunto de prestacións recollidas na normativa vixente, adaptándoas ao contexto local e ás realidades diferenciadas das persoas participantes.
Caguama Instituto de Migracións Ecosociais © 2025