CAGUAMA Instituto de Migracións Ecosociais é unha organización sen ánimo de lucro, aconfesional e apartidista que nace en 2024 para dar resposta ás necesidades da poboación migrante na Coruña e contorna. Buscamos incidir positivamente na nosa realidade e aportar solucións a un fenómeno estrutural como o das migracións para acadar unha sociedade máis xusta e diversa.
En Caguama entendemos a intervención desde unha perspectiva ecosocial, actuando desde parámetros decoloniais, antirracistas, feministas e ecoloxistas. Consideramos que só desde esta óptica poderemos incidir de forma efectiva en tódalas cuestións que atravesan á poboación migrante.
Somos un equipo multidisciplinar de persoas que teñen unha ampla experiencia no ámbito das migracións. Somos profesionais do dereito, a mediación cultural, a psicoloxía, o traballo social e a educación social. Cremos no traballo en rede con outras entidades do terceiro sector e outros axentes sociais, así como coas Administracións públicas.
Temos a convicción de que o traballo coa poboación migrante debe facerse desde a horizontalidade, buscando a conexión coas persoas para entender a súa situación e contexto, e desta forma aportar unha resposta á mesma.
A caguama é unha tartaruga mariña que está en perigo de extinción. Ao longo da súa vida, percorre miles de quilómetros entre as súas zonas de alimentación e lugares de anidación, atravesando océanos e enfrontando numerosos desafíos. Esta viaxe é esencial tanto para a súa supervivencia individual como para a continuidade da especie.
A caguama é símbolo de resistencia e adaptación, reflectindo a forza das persoas migrantes e a súa contribución á diversidade cultural e social. Os procesos migratorios son complexos e diversos, mais a forza simbólica desta tartaruga levounos a adoptala como imaxe da nosa entidade.
A caguama, como símbolo, pretende transmitir a nosa maneira de actuar e intervir. Entendemos que os servizos de calidade requiren tempo, dedicación e reflexión. A nosa proposta é unha forma de traballo consciente, centrada na calidade e nos coidados.
Así como a caguama segue o seu camiño longo e desafiante, nós tamén asumimos o compromiso de avanzar con determinación e responsabilidade nos nosos obxectivos.
Este camiño que comeza nas accións locais e na solidariedade internacional pretende ter un impacto global na Terra, nos pobos, nas estruturas sociais e na súa interrelación.
A súa capacidade de adaptarse aos cambios, a súa tenacidade fronte ás adversidades e a súa conexión coa natureza son aspectos que tamén teñen un paralelismo co traballo que desenvolvemos na nosa entidade.
Caguama Instituto de Migracións Ecosociais © 2025